Tuesday 30 de April de 2024

Axendas para os vindeiros días en San Sadurniño


Venres 21 de decembro
16.30h. Casa da Cultura
Concerto de Nadal do alumnado de Ilia Keilin
A rapazada que está aprendendo música co profesor Ilia Keilin preparará para a ocasión unha pequena mostra das súas evolucións interpretando varias pezas clásicas. A cita é na Casa da Cultura con asistencia de familiares e de todas aquelas persoas amantes da música de cámara. Os niveis iniciais tocarán sinxelas melodías para vibráfono, mentres que o alumnado con máis coñecementos instrumentais lerá partituras para piano, violín e outros instrumentos que o mestre imparte semanalmente na Casa da Xuventude. A entrada é libre ata completar as 150 localidades do centro cultural.

Venres 21 de decembro
19.00h. Local social da Veiga, Naraío
Nadal na lareira co Mago Teto, organizado pola A.VV. O Castelo
A asociación veciñal de Naraío pecha o seu calendario anual co Nadal na lareira, que este ano ten como convidado ao Mago Teto. Ofrecerá un espectáculo abraiante e moi divertido pensado para a rapazada e persoas adultas. Ao seu remate -sobre as 20.00h.- os nenos e nenas recibirán ao Apalpador. Un ser máxico que sempre vén cargado con algún detalle que deixarlles. O evento pechará cunha merenda de bica con chocolate ben quentiño.

Venres 21 de decembro
19.30h. Casa da Cultura
Cine: “Sicixia”
Xiao, enxeñeiro de son, recibe a encarga de gravar os singulares ambientes da Costa da Morte. Alí coñece a Olalla, unha guía local que lle axudará a mergullarse na idiosincarisa do lugar. A partir de aí, nesta lendaria Finisterrae, as súas vidas fuxirán do seu control coma mareas rexidas por unha lei superior. O filme dirixido por Ignacio Vilar -e protagonizado por Marta Lado e Monti Castiñeiras- retrata o patrimonio da Costa da Morte cunha historia entre a ficción e a realidade que, entre outros valores, fomenta a igualdade de xénero. A entrada é gratuíta, aínda que fai falla reservar previamente convite no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Sábado 22 de decembro
17.30h. Casa da Cultura
Festa infantil de Nadal
O sábado da lotaría é tamén o día elixido pola área de Cultura para organizar a tradicional festa para a cativería con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos. A programación estará marcada polos xogos cooperativos, a música, o baile e os obradoiros, que encherán o tempo dos nenos e nenas antes da chegada do Apalpador. O mítico carboeiro baixará das montañas cos petos cheos de castañas e algún que outro agasallo para as nenas e nenos. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, fai falla inscrición previa pasando pola Casa da Cultura. Folla de inscrición (.pdf)

Mércores 26, xoves 27 e venres 28 de decembro
de 10 a 13.45h. Ximnasio do CPI e Pavillón municipal
Nadal Deportivo
O Concello organiza tres días de actividade deportiva e xogo para a semana central das vacacións escolares. É o programa denominado “Nadal Deportivo”, que propón encher o tempo libre das mañás iniciándose en distintos xogos e actividades que, por primeira vez, se dirixen a toda a familia e non a unha banda de idade concreta. Cada un dos días haberá tres entretementos distintos de hora e cuarto de duración cada un, con posibilidade de participar en todos ou só nalgún deles. O mércores haberá volei, xogos tradicionais e bicicleta. O xoves tocarálle ao fútbol, a ximnasia rítmica e o zumba. O venres a oferta comporana o baile moderno, o baile tradicional e a patinaxe. Esta iniciativa é gratuíta e as inscricións haberá que facelas na Casa da Cultura o venres 21 como moi tarde. Quen se apunte a bicicleta e patinaxe deberá traer o material necesario. As actividades repartiranse entre o pavillón municipal e o ximnasio do CPI. Na organización colaboran o CF San Sadurniño, o Aldebarán, o club MTB Biela e Chaveta e tamén Brío.

Sábado 29 de decembro
18.30h-21.30h. Saída/chegada na praza do antigo Concello
Proba de orientación nocturna “Rogaine Inocentes 2018”, organizada polo Club de Montaña Ferrol
A rogaine é unha especialidade de orientación baseada na estratexia para percorrer nun tempo límite un circuíto cheo de balizas que as persoas participantes deberán descubrir coa axuda dun mapa e un compás (prohíbese a navegación GPS). O Club de Montaña de Ferrol deseñou un trazado polos montes de San Sadurniño con distintos niveis de dificultade -percorrido longo, curto e familiar- e un tempo máximo para completalo de 3 horas.

A participación é individual, aínda que o avance pode facerse en grupo. O prazo de inscrición remata o 25 de decembro ás 23.59h. a través da páxina da Federación Galega de Orientación ou directamente na sede do club. O custe son 7€ para persoas maiores de 18 anos e de 3€ para as menores desa idade. Quen non dispoña de licenza anual de raid terá que engadir 2€ para ter cobertura o día da proba, que non terá carácter de competición oficial.